Nestes tempos abruptos, non deixo de escoitar a "gurús" da educación compracerse da excelencia do teletraballo, e máis concretamente, no eido educativo.
Non vou discutir que cos medios e a formación axeitada, a educación telemática, pode ser unha excelente ferramenta de traballo con moitísimas posibilidades, pero agora mesmo no rural galego, non estamos nese punto.
E concretamente en educación infantil e primaria, onde a presenza nas clases da mestra ou mestre antóllase insubstituíble.
Ollo, non digo mellor nin peor, digo insubstituíble.
Un estudante de BAC ou universitario, é quen de poñerse diante dunha pantalla extraendo e asimilando contidos e conceptos, ao igual que o faría nunha clase presencial, pola propia dinámica das mesmas e a idade e intereses comúns dos interlocutores.
O alumnado dos colexios precisa verse, sentirse, tocarse, emocionarse e soñar xuntos. A interacción é parte do seu desarrollo académico e personal, e a figura do mestre, a súa referencia na aula como guía e mediador, é fundamental no proceso educativo a través da contínua interrelación, exemplificando aprendizaxes significativas nun ámbito e un ambiente imposible de crear a través dun equipo informático.
En idades de escolarización de 3 a 12 anos, as novas tecnoloxías son unha excelente ferramenta de traballo complementaria e de reforzo, pero non poden en ningún caso compararse ás dinámicas presenciais, e moito menos substituílas.
Pero toca o que toca vivir. Ninguén contemplaba unha situación así. Nada estaba escrito nin programado. Todo foi 'relativamente' inesperado e confuso, sen poder negar tampouco o exceso de confianza e falta de planificación dos que manexaban toda a información da pandemia. Así que agora máis que nunca, grazas ás familias, porque se durante un curso escolar convencional, a súa colaboración é fundamental para acadar resultados positivos co alumnado, agora neste confinamento de incerto futuro, esa colaboración cobra se cabe maior importancia, recaendo en avós, mamás ou irmáns, unha enorme responsabilidade, e quizáis moitas veces, todas as dúbidas razoables.
Pola nosa banda, a dos profesionais e administracións, toca autocrítica cando todo esto pase e replantexarnos moitas cousas. Mentres tanto, moito ánimo e ter a seguridade de que o mellor, está sempre por vir.
Comentarios
Publicar un comentario